O Xurado nomeado pola Fundación decidiu outorgar o «Premio Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo 2025«, dotado con 10.000 Euros, a historiadora Jessica Nogueira Castro, polo seu traballo:
«DINÁMICAS DE CONFLITO E REPRESIÓN”
A movilización contra a primeira reconversión industrial do goberno socialista (1983-1985)
Resumo:
Dentro do proxecto de “modernización” e “cambio” e no marco dunha profunda crise económica, o Goberno socialista impulsou a política de Reconversión Industrial. O anuncio do peche de AHM (Altos Hornos del Mediterráneo) en febreiro de 1983 iniciará un ciclo de protesta, ao que se sumarán os traballadores do naval que manterán a mobilización ata mediados de 1985.
Os traballadores – acompañados das mulleres, mozos e veciños – e organizados en sindicatos, asembleas e plataformas recorrerán á acción colectiva en defensa dos postos de traballo e contra a << morte>> das súas cidades. Recollidas de firmas, corte de estradas, barricadas, peches, folgas e enfrontamentos co policía convertéronse en habituais en cidades como Sagunto, Vigo, Ferrol, Bilbao, Gijón ou Puerto Real. Se o repertorio da acción colectiva foi diverso e oscilou entre a convección e a disrupción chegando nalgúns casos á violencia, a resposta das autoridades – estatais, autonómicas e locais – non o foi menos: dende o apoio, pasando por unha esporádica empatía ata o recurso á represión. Entre os contendentes e as autoridades produciuse unha interacción que influirá mutuamente nas súas actuacións, dando lugar a un foco de conflitividade capital durante a primeira lexislatura socialista e desmentindo así a visión de consenso da que goza o período.
A análise desta mobilización tomando como punto de partida as teorías de movementos sociais e acción colectiva será o obxecto deste traballo de investigación.
Nota Biográfica:
Jessica Nogueira Castro naceu en Maside en 1995. Historiadora, investigadora predoutoral do Grupo de Investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela.
O Premio está dotado con 10.000 euros e a publicación da obra dentro da colección Oeste de Investigación e Ensaio de Alvarellos Editora, para facilitar a divulgación deste interesante traballo de investigación.
