CONVOCATORIA 2025 PREMIO FUNDACION SINDICAL EOC

A FUNDACION SINDICAL EDELMIRO OTERO CALVO

 Convoca o

«Premio Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo 2025»

BASES:

1.- Poderá concorrer calquera persoa maior de 18 anos cun orixinal en lingua galega.

2.- Os traballos non poderán estar sustentados economicamente por empresas ou institucións privadas ou públicas, e versarán sobre un tema  relacionado con:

Desenvolvemento, afondamento e divulgación dos valores do Sindicalismo.

Estudo e investigación da Actividade Sindical en Galicia.

Estudos Sociais, Laborais, Económicos, Xurídicos que investiguen na mellora das condicións laborais en Galicia.

Investigación en temas laborais, económicos, sociais que afecten o interese galego.

3.- O premio dótase con DEZ MIL euros (10.000 euros). Será único e indivisible, podéndose outorgar a un traballo realizado de forma individual ou en equipo.

Estará suxeito as vixentes retencións fiscais.

4.- Os participantes deberán responder da autoría, orixinalidade e carácter inédito do traballo presentado, asumindo as responsabilidades que procedan se, na súa elaboración, se vulnerasen os dereitos de propiedade intelectual de terceiros.

5. Os traballos presentaranse asinados con pseudónimo e axuntarase, en sobre á parte e pechado, os seguintes datos: nome completo, NIF, enderezo e teléfono de contacto, e fotografía. Na parte exterior deste sobre farase constar o Título do traballo e o pseudónimo da sinatura. Os traballos deberán ter unha extensión mínima de  cen páxinas, en formato DIN A-4 e entreliñado a dobre espazo. Presentarase unha copia en papel e outra en soporte informático (pdf, formato word/docx ou similar compatible).

5.1. A obra gañadora será publicada por Alvarellos Editora (na súa colección Oeste de divulgación e ensaio). Esta Editorial asinará o correspondente contrato de autoría segundo a lexislación vixente.

5.2.- O prazo de recepción de orixinais queda aberto dende a publicación desta convocatoria e remata sen prórroga, ás 14 horas do 31 de marzo de 2026, non sendo válidos os recibidos posteriormente con esa data límite do envío de correos.

Os traballos enviaranse por correo certificado  á seguinte dirección:

Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo

Rúa Sabaxáns nº 62

36214 – Vigo

6.- O Xurado será designado polo Padroado da Fundación, quen resolverá antes do 31 de abril de 2026. O fallo difundirase mediante nota de prensa remitida os medios de comunicación pola Fundación e na páxina web, quen así mesmo llo comunicará á persoa ou persoas gañadoras do Premio. O fallo será inapelable e poderá declararse deserto.

7.- A Fundación non devolverá os traballos non premiados, que serán destruídos despois de que se produza o fallo do xurado.

A participación neste Premio supón a aceptación íntegra das súas bases. A decisión do xurado, a quen corresponderá a interpretación das mesmas, será inapelable.

O Padroado da Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo

Vigo, 1 de setembro de 2025.


Publicado

en

,

por